Cabeleira de pedra

Cabeleira de pedra é un poemario de Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes que viu a luz por primeira vez en 1993. Unha obra de pezas curtas que, nesa primeira edición, dialogaba cunhas fotografías de Xaquín Nóvoa insertas despois de cada composición.

Moitos dos poemas do libro están vencellados a distintos espazos da cidade compostelá. Por ese motivo, entre as cousas que achega ao mundo este libro prevalece a vida. Unha Compostela que bourea dentro de moitos ollos: os ollos dos autores, dentro e fóra dos muros, nas ventás, no ceo e na terra; os ollos das lectoras, libres da man da palabra.

O camiño das verbas

E con esa liberdade, desta volta nós como lectoras aguzamos a nosa ollada. Neste proxecto seguimos, paseniño, o camiño das verbas dos poetas na procura das nosas propias imaxes, da vida de dentro e de fóra.

Para elo foron creados (por Katherine E. Loureiro Álvarez) esta páxina e os seus materiais, entre eles unha pequena descrición biográfica dos poetas, un achegamento tanto á obra que acollemos como ao proxecto que elaboramos, un mapa interactivo que materializa o diálogo entre a palabra e o espazo e unha serie de entradas que insiren individualmente os poemas incluidos no mapa con cadanseu material audiovisual (gravación e edición obra de Gisella Costas López).

Por último, queremos agradecer fondamente a colaboración desinteresada de María do Cebreiro, pola súa axuda, e especialmente a de Helena e Xesús, por prestarnos as súas voces e os seus versos.